11/20/2007

RIOS PRESENTE E FUTURO

O día 17 de novembro, en Lugo, no Pazo de Feiras e Exposicións, celebrouse a Xornada sobre Pesca. Ríos: Presente e Futuro, organizado pola Federación Galega de Pesca, en sesión de mañá e tarde. Fixo as presentacións dos poñentes o xornalista de pesca Xosé Lugrís Calvo. Houbo unha nutrida representación de pescadores, presidentes de clubs e público xeral que encheu o salón habilitado para a exposición das ponencias. Comezou a Xornada coa exposición A Xestión piscícola na zona do Noguera-Pallaresa por José Luís Bruna i Brotóns, presidente da Guingueta, club que xestiona o Noguera Pallaresa, un dos ríos de maior sona en canto a pesca de salmónidos en Cataluña, pero que ten bastantes problemas medioambientais. Desde hai uns anos actuouse con eficacia sobre os problemas que tiña e que ten: numerosas vivendas estacionais sen rede de sumidoiros e depuración de fecais, aumento indiscriminado de caudais para favorecer o rafting, rede de auga encorada, etc. Con estes problemas iniciouse un programa de actuacións de mellora de calidade de augas e de recuperación de frezadoiros: eliminación da colmatación de lodos nos frezadoiros mediante control dos cursos de auga, favorecendo a limpeza natural por medio de pequenas obras- para o cal contaron co asesoramento técnico de Trouth Unlimited - e a creación dos CERA (Centros de Estudo de Reprodución Asistida), mediante os cales se realiza una repoboación con alevíns de troita de pouco tempo de vida, semellando o máis próximo ao xeito natural, deixando pequenas cantidades dos mesmos nas zonas máis resgardadas do río, que, aínda que se dá unha alta mortalidade, as posibilidades das superviventes de converterse en reprodutoras no río é moi alta. Deste modo conséguese una troita de calidade e un grande número de individuos, permitindo unha pesca de captura e solta e, en número reducido – tres pezas - , captura e cesta (termo alcuñado nesta xornada). Co cal se ve a posibilidade de convivencia dos dous sistemas de pesca e unha implicación plena do pescador ribeirego e o visitante. Nin que dicir ten que é una zona de moito turismo, distante 100 quilómetros de Barcelona, e que a pesca xunto co rafting son os motores da economía local. Os pescadores que estivemos no Nogueira Pallaresa puidemos observar a riqueza piscícola e de invertebrados dos que se alimentan as troitas. A seguinte ponencia, A Recuperación da vida nos ríos e dos salmónidos, presentada por Laura Hewitt, responsable da Conservación de Concas no Mediooeste de Trouth Unlimited, centrouse na recuperación de ríos maltratados pola man do home e das forzas da natureza, para iso centrouse no río Snake (Cobra) de 40 km, que presentaba os seguintes problemas (extrapolables á nosa propia realidade): grandes avenidas de auga provocadas por un desxeo moi rápido (probablemente polo cambio climático), desvíos de auga para beber o gando, que provocou a seca de afluentes; aglomeracións de gando con alta contaminación de fecais, algunhas presas de regadío que impedían a libre circulación de peixes, a introdución de peixes que non pertencían á conca: troita arco iris e troita marrón. Especialmente preocupante era a hibridación que se daba coa arco iris e a troita propia do río Snake: a troita de gorxa cortada, dado que o tempo da freza coincidía. Sobre estes problemas fíxose unha planificación xeral, reuniuse aos sectores implicados: gardería, agricultores e voluntarios, e acometéronse as actuacións programadas. Quizais a máis significativa fora a de pescar mediante captura e cesta as arco iris por uns pescadores pouco ou nada habituados a estas prácticas. Tamén a creación de barreiras vexetais con cultivos
alternativos a modo de franxas paralelas ao curso do río, para a absorción dos residuos orgánicos producidos polo gando. En resumo, foi a aplicación do construtivismo á recuperación da conca. A terceira ponencia da mañá, Consecuencias da introdución de especies exóticas invasoras no río, relación feita por Antonio Callejo Rey, unha exposición moi interesante sobre as especies introducidas polo home, voluntaria e involuntariamente, e as máis das veces sen valorar o alto risco ecolóxico. O poñente non só se centrou nas máis coñecidas: black bass, caranguexo vermello, senón tamén en especies exóticas de compañía: tartaruga de Florida, algún lagartos. Realmente o que sorprendeu máis aos asistentes foi o referente ás plantas alóctonas especialmente prexudiciais nos ríos como a Azolla filiculoides ou a Egeria densa que coa súa densidade son capaces de facer desaparecer a vida no río. Tamén amosou a súa preocupación polas vías de penetración do mexilón cebra, que non só se produce polas embarcacións, senón tamén utensilios de pesca, etc. A parte de mencionar outras especies invasoras, como o visón, foi preguntado por outras como o cormorán ou a lontra, das que dixo que non o eran, pois se ben invadían espazos nos que non estaban, ou a preocupación polo grande número que existe, sinalou que son especies naturais de Galicia, pero a ausencia de depredadores, convérteas nun problema. Fíxose un descanso para un xantar de confraternidade. Na sesión de tarde, a primeira conferenciante foi Mª Isabel Quiroga Verdeal, profesora titular da Facultade de Veterinaria do Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias con Necropsias de peixes, que informou detalladamente das necropsias que se fan aos peixes, da súa anatomía, das causas da morte, das especiais peculiaridades de conservación dos tecidos dos peixes (moito máis deteriorables que os dos mamíferos), de cómo hai que enviar as mostras (agonizantes ou en “rigor mortis”) e do seu número (entre 5 ou 10 peixes). Unha amena e didáctica exposición que descubriu os misterios da análise na necropsia ao público pescador, ao cal sempre lle pareceu un mundo descoñecido. Así mesmo ofreceu o seu Departamento para o envío dos peixes para investigación da sús norte. Nas Mesas Redondas participaron na primeira: Sociedades de Pesca. Cambios na xestión dos ríos, aproveitamento de diferentes especies e cambio de hábitos os contertulios-ponentes: Ramón Rodríguez Menéndez, Presidente da Federación Aragonesa de Pesca y Cásting; Víctor Vila López, Presidente da Sociedade “Río Masma” Mondoñedo; Manuel Cándido López González, Presidente da Sociedade “Moamar” e Alejandro Sáenz Paredes, Directivo da Venatoria de Santiago. Nesta mesa redonda apuntáronse os diferentes problemas das sociedades para a realización de actividades, a búsqueda de renovación, o esnsino aos máis novos, a necesidade de diversificar na pesca con outras especies (non só os salmónidos), o compromiso co medio ambiente e o deporte e as súas relacións coa Administración.
Na segunda mesa redonda: A normativa legal (Lei de pesca, Orde de vedas anual) e a realidade dos ríos, participaron: Moderador: Félix Rodil Álvarez, Delegado da Coruña da Federación; Agustín Lamas Silvarrey, Axente do SEPRONA e Jesús Marquina Olmedo, Xefe do Servizo de Caza e Pesca da Dirección Xeral. O que actuaba como moderador, Félix Rodil, fixo una exposición marcada pola actualidade, mortes de troitas e peixes no Xallas, Furelos, Tambre, etc. Panorama nada alentador para un futuro, para o que a xornada xa escollera a imaxe dun regato cor grisácea, culpable da aniquilación hai uns anos do río Tórdea. Falouse da necesidade de actuacións da Administración con rigorosidade na aplicación das leis, da necesidade de modificación da Lei de Pesca Fluvial, das administracións que conflúen xurisdicionalmente no río, da limpeza dos ríos, etc. Cando eran as 8 do serán deuse por rematada a Xornada, co desexo manifestado de que se fagan novas xornadas deste tipo polo vivo interese suscitado

Mas información

DOCUMENTO http://www.fgpesca.org/PDF/NOTA%20DE%20PRENSA%20XORNADAS%202007.pdf
FOTOS http://www.fgpesca.org/XORNADA2007/index.html


No hay comentarios:

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License