O concurso, o primeiro destas características, está organizado polo establecemento especializado Remanso, ubicado en O Pino
Convocado o I Maratón de Pesca por Parellas que se vai celebrar no encoro de Portodemouros
“Un xeito diferente e sobre todo, libre, de facer unha xuntanza de pescadores”. Con esta filosofía organiza Xosé Ramón Carril, responsable da tenda “Remanso caza e pesca”, este I Maratón de Pesca por Parellas, que se vai celebrar o sábado, 20 de xuño, no arzuán encoro de Portodemouros. Carril fuxe do termo “campionato”, porque aquí existe unha gran flexibilidade: o pescador pode escoller o tramo que queira, o cebo a utilizar e a modalidade de pesca. E por riba non vai estar só, porque se pesca en parella. Algo que parece gustar moito aos participantes que xa se anotaron, que incluso cavilan orixinais nomes para os equipos.
A inscrición, que ten un coste de 10€, inclúe Seguro de Responsabilidade Civil, un bocadillo, froita e bebida. O prazo para anotarse está aberto ata o día 19 de xuño. O lugar para facelo é a tenda Remanso, na Rúa do Concello (Pedrouzo, Arca, O Pino) ou ben chamando ao número 981 51 13 80. A clasificación será en dúas categorías, por un lado troitas e por outro escalos. Na categoría de troitas acadarán 250 puntos por cada peza máis un punto por gramo e no caso de coller o cupo de 10 troitas por parella sumarán 200 puntos a maiores. Na categoría de escalo acadarán 1 punto por gramo.
Durante o tempo do campionato, que comeza ás 08:30 horas e remata ás 13:00 horas, cada participante poderá pescar tanto troitas como escalos, aínda que a puntación final será por separado. É necesario ter a licencia de pesca deportiva de río, os menores de idade deben ir acompañados, e cada pescador deberá usar unha única cana en acción de pesca, aínda que porte outras. Os cebos artificiais permitidos son mosca artificial, culleriñas, peixes artificiais e semellantes. Permítese cebar as augas con engados vexetais ou pensos. En canto a engados naturais, para a troita poden ser todos, agás ovas de peixes, peixes naturais vivos, mortos ou en anacos. Ademais, a organización lembra que só puntuarán as troitas que midan como mínimo 23 cm.. En escalo non hai límite no número de capturas nin no tamaño.
As tres primeiras parellas clasificadas nas categorias de escalo e troita premiaráselle con trofeos e valioso material de pesca. Tamén se establece un galardón para a maior troita capturada.
Máis datos: Ramón Carril 981 51 13 80
1 comentario:
o material e escollido polo pescador ou polo club de que se trataria
Publicar un comentario