9/06/2011

VII XORNADAS DE LIMPEZA, Segundo día de traballo.

Este pasado sábado, día 3 de setembro, desenvolvéronse os labores de limpeza no coto do río Furelos no contexto das VII Xornadas de Limpeza organizadas pola Asociación de Troiteiros “Río Furelos”.

Nesta ocasión durante a xornada, que comezou ás 10 da mañá, os máis de 20 voluntarios procederon a limpar dende a Ponte da Pedra ata o final do tramo acoutado, co cal completouse a limpeza da totalidade do couto.
Sacáronse do río arredor de 300 quilos de lixo. É dicir, aproxímase aos seiscentos quilos o lixo retirado de todo o tramo acoutado nos dous primeiros días desta edición das Xornadas. Cantidade manifestamente inferior á de anos anteriores. Iso significa que unha nova mentalidade baseada no respecto e coidado do río se vai abrindo camiño. Aínda así sacáronse dúas pranchas metálicas de 1x1, botellas, latas, plásticos, etc.

A nota máis negativa do día foi ter que sacar do río dous sacos con animais mortos, resultado da práctica salvaxe que consiste en afogar as camadas de animais domésticos, nomeadamente crías de cans ou gatos. Polo que se ve, desgraciadamente aínda non desapareceu.
Xa só fica un día de traballo, o próximo sábado, para completar estas VII Xornadas. Dado que se rematou coa limpeza da canle do río, os traballos irán encamiñados a limpar e mellorar os accesos ao río en todo o tramo acoutado.
Seguimos reiterando o chamamento a todos aqueles que queiran colaborar nos traballos do derradeiro día, o próximo 9 de setembro, ao tempo que manifestamos o noso agradecemento a todos os que nos apoiaron e mesmo participaron nas tarefas de limpeza destes dous primeiros días.
                                      



Melide 5 de setembro de 2011

O Presidente da Asociación


                                                 
                                                           Xavier Pazo Blanco

No hay comentarios:

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License