9/07/2010

MAIS DE 600 QUILOS DE LIXO FORON EXTRAÍDOS DO RÍO CATASOL

Segundo día de traballo das VI XORNADAS DE LIMPEZA organizadas pola Asociación de Troiteiros “Río Furelos” de Melide.

Seguindo a programación destas VI Xornadas de limpeza, este sábado pasado, 4 de setembro, os labores centráronse no afluente do Furelos, o río Catasol, que foi percorrido desde a súa desembocadura até os pasos de Zas do Rei, aproximadamente 15 quilómetros.
Queremos lembrar que este río xa sufriu en dúas ocasións vertidos contaminantes que provocaron a morte de milleiros de troitas e os conseguintes traballos de limpeza. Pois ben, para sorpresa de todos, aínda se encontraron focos considerables de lixo acumulado. En total, foron máis de 600 quilos de lixo os que se sacaron do río.
Isto é unha demostración de que aínda queda moito camiño por andar, xa que moitos seguen a considerar o río o vertedoiro máis cómodo para se desfacer daquilo que devén en inservible. Como é posible atopar no leito do río o chasis dunha moto, un bidón con cinco litros de aceite queimado, unha neveira, un televisor, unha motobomba, latas de todo tipo, botellas, plásticos, os restos dunha ouvella, rodas de coche e dun carro de vacas, unha manta enorme e roupa e máis roupa? Entre outros refugallos, isto foi co que se encontraron os vintecinco voluntarios que participaron este sábado na limpeza do Catasol. Cómpre ser moi irresponsable ou moi ignorante para non decatarse do dano que con todo isto se está a facer. Canto mellor sería non ter que andar remexendo o río para quitarlle toda esa merda!
O próximo sábado, día 11, rematan estas VI Xornadas de limpeza. O día vaise dedicar a outro afluente do Furelos, o Martagona. Serán benvidos todos aqueles que se queiran sumar. Como non podía ser doutro xeito, celebraremos un xantar a modo de clausura. De todo o traballo realizado estamos a dar cumprida información documental aos nosos socios, á prensa e as revistas especializadas que veñen seguindo a nosa traxectoria. Ademais pódese consultar na nosa páxina web:  www.riofurelos.es 
Desde a Asociación só nos queda reiterar as grazas a todos os que dalgún xeito se están a implicar nesta iniciativa. 
****************************************************************************
Asdo. Xavier Pazo Blanco
Presidente Asoc. Troiteiros “Río Furelos”                              Melide, 5 setembro 2010.

No hay comentarios:

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License