4/13/2010

O BNG DEMÁNDALLE AO GOBERNO QUE O BALEIRADO DO ENCORO DE SAN ESTEVO SE REALICE DESPOIS DO 30 DE MAIO, PARA QUE NON AFECTE Á TEMPADA DE PESCA NO MIÑO

Olaia Fernández Davila advirte de que o verquido de miles de toneladas de lodos afectará negativamente á pesca e pídelle ao Goberno que se regule a apertura as presas para reducir o seu impacto negativo

Madrid, 12 de abril 2010 .- A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, ven de presentar unha iniciativa no Congreso dos Deputados na que lle demanda ao Goberno que adíe a data autorizada para o baleirado do encoro de San Estevo por parte de Iberdrola até despois do 30 de maio, para que non coincida coa temporada de pesca.

Davila lembra que o baleirado do encoro, previsto para o 19 de abril, “suporá a liberación dunha gran cantidade de auga e de lodo que afectará negativamente á fauna pesqueira do río Miño e ao colectivo de pescadores”.

Neste sentido, a deputada nacionalista defende que “sería necesario ter en conta a temporada de pesca profesional no río, que é fundamentalmente dende o 1 de novembro até o 30 de maio, polo que actuacións como as previstas para o día 19 de abril seguramente se poderían acometer en datas posteriores a fin de non afectar tan negativamente a un sector que, nas ribeiras do Miño, é unha importante fonte económica, sobre todo en tempos de crise como o actual”.

Ademais, e con carácter xeral a deputada do BNG denuncia “a gran afectación que sobre a pesca fluvial teñen os encoros, que ademais, periodicamente abren as súas comportas elevando o cauce da auga e provocando a morte de milleiros de alevíns como consecuencia dos bruscos cambios do nivel de auga”.

Ante esta situación, Olaia Fernández Davila pregúntalle ao Goberno se non considera posíbel un cambio de data para o baleirado para despois do 30 de maio, e que se valoren os intereses xerais do río tanto dende o punto de vista medioambiental como da pesca.

Ademais, pregúntalle se en relación co funcionamento xeral dos embalses hidroeléctricos que periodicamente abren as súas comportas, non considera o Goberno que sería necesaria unha regulación que permitise reducir a afectación medioambiental nos ríos.

Saúdos: Gabinete de Prensa do BNG

No hay comentarios:

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License