3/31/2010

V Campionato de pesca, “Terra de Melide”

Despois dun inverno que cumpriu como hai tempo que non lembramos, comezan as actividades programadas para a campaña 2010 por parte da Asociación de Troiteiros “Río Furelos”. O sábado 10 de abril vai ter lugar o V Campionato de pesca, “Terra de Melide” no río do que toma o seu nome a Asociación.

A directiva xa ten todo a punto para que o campionato se desenvolva con absoluta normalidade e dende o máis exquisito respecto aos participantes e ao Medio Ambiente. Foron distribuídos carteis anunciadores por toda a xeografía nos que se informa polo miúdo do que lles cómpre saber aos participantes:

A pesca será con cebo artificial e prégase que os participantes veñan acompañados de xuíz; a data límite de inscrición é o 7 de abril, para facer o sorteo público o día 8 na cafetería Cire da vila; a xornada do campionato, o10 de abril, dará comezo cunha xuntanza na churrería O Burato ás 8 da mañá, e seguidamente, dirixirémonos ao río para dar comezo a competición, onde cada participante contará cun tramo señalizado de 600 metros. Tamén está previsto un xantar na cervexería Orois por un módico prezo de 15 € por participante.

Como en anos anteriores a Asociación porá da súa parte todos os recursos organizativos para que este V Campionato sexa un éxito de maneira que os concursantes se sintan cómodos e nada lles falte. Tal como se vén facendo nas anteriores edicións, aos gañadores entregaránselle trofeos e material de pesca valorados en conxunto nuns 2,500 €.

Animamos a todos aqueles que queiran inscribirse, ou solicitar información, a que contacten coa Asociación a través do teléfono nº 696 607 348 ou por e-mail no enderezo que segue: asociaciontroiteiros@gmail.com

Pola nosa parte queda agardar que a meteoroloxía sexa apracible e as troitas se deixen querer, para que a xornada saia redonda. Claro que sobre estes imponderables a organización carece do máis mínimo control e só pode expresar o seu desexo de que se cumpran os agoiros máis favorables.

Finalmente, dende a directiva da Asociación, non queremos deixar pasar esta oportunidade para agradecer a todos os particulares, casas comerciais e institucións que dunha maneira ou doutra colaboran connosco á hora de organizar este evento.



Asdo. Xavier Pazo Blanco

Presidente Asoc. Troiteiros “Río Furelos” Melide, 29 abril 2010

1 comentario:

Anónimo dijo...

hi, new to the site, thanks.

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License