5/04/2009

A ASOCIACIÓN DE TROITERIOS”RÍO FURELOS” DENUNCIA UN INCUMPRIMENTO INEXPLICABLE




Moito empeño leva posto a Asociación de Troiteiros “Río Furelos” para que se reconstruíse a derrubada Ponte Mazaira, e xa van alá dous anos dende que a Consellaría de Medio Rural por boca do Director Xeral de Infraestruturas Agrarias, Xosé Carballido, anunciase aos alcaldes de Toques e Melide e aos voceiros dos grupos políticos a construción dunha nova ponte. Mesmo se deron os detalles do proxecto. Non hai máis que botar man da hemeroteca para ver que todos os medios de comunicación se fixeron eco da súa inminente construción.
Poucos meses despois, en setembro de 2007 a alcaldesa melidense Socorro Cea (BNG), o seu homólogo de Toques, Miguel Buján (PSdG) rubricaban o protocolo coa Delegada Provincial de Medio Rural Olga García, en presencia do ex-conselleiro de Medio Rural Alfredo Suárez Canal, quen se compremeteu a realización de dito proxecto, consellaría que financiaría integramente a construción da ponte.
Todo eran gabanzas para un proxecto que, en palabras do Director Xeral, era de vital importancia para a ordenación do territorio, dada a relevancia das actividades agropecuarias a ambas marxes do río Furelos. Cun orzamento que superaba amplamente os 243.695,83€, facíase pública a súa execución nun período de 12 meses, colocando o pertinente panel coa adxudicación da obra.
En xullo de 2008, sen traza de comezar as obras a Asociación de Troiteiros “Río Furelos” pediu información á alcaldesa de Melide, Socorro Cea, quen atribuía o retraso a unha pequena modificación no proxecto, requirida por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente.
Porén, seguen a pasar os meses e nin o Concello de Toques, nin o de Melide parecen ter preocupación por un proxecto tan publicado e que agora semella esmorecer. Resulta significativo que o cartel que anunciaba a obra foi derrubado polo temporal, e a pesar de ficar intacto, ninguén se preocupou de repoñelo.
Dende a Asociación de Troiteiros consideramos que os Concellos non actuaron coa firmeza e a dilixencia necesarias para que o proxecto se levase a cabo. Agora, con novos interlocutores na Xunta solicitamos: os alcaldes de Melide e Toques que realicen xestións perante o novo goberno para axilizar ou desbloquear un proxecto aprobado dende o 2007. Os veciños de Melide e Toques, e en particular a Asociación de Troiteiros que tanto empeño puxemos nisto, merecemos unha Ponte Mazaira que comunique estes dous Concellos veciños. Por iso, coa data de hoxe vimos de presentar un escrito no Concello de Toques e outro no de Melide, instando a que desde estas corporacións se poñan en marcha as medidas pertinentes.
O Presidente da Asociación de troiteiros “Río Furelos”
Xavier Pazo Blanco

Más sobre el Furelos:

http://www.lavozdegalicia.es/SSEE/print.jsp?idContenido=0003_7688253&idSeccion=75C38FF20A80B198009B697651EFF72F


No hay comentarios:

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License