9/22/2008

SEGURIDADE NOS ENCOROS GALEGOS

O senador do BNG tamén lle demanda ao Executivo Central que controle o baleirado e limpeza de sedimentos dos encoros galegos, “realizados a cotío directamente sobre o leito dos ríos, como aconteceu en Oia, o que provoca graves danos medioambientais e sobre a pesca”


Madrid, 21 setembro 08. O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, ven de presentar unha iniciativa na que lle pede ao Goberno Central que vele polo cumprimento das medidas de seguridade nos encoros galegos.

Pérez Bouza lembra que “segundo as estatísticas, o 2% dos grandes encoros, os de máis de 15 metros de altura, fallan de forma catastrófica e que máis do 4% teñen graves problemas”.

Neste sentido, o senador nacionalista lembra que en xuño de 2007, e en resposta a unha pregunta do anterior senador do BNG, Francisco Jorquera, “o Goberno recoñeceu que nada menos que 9 grandes encoros das provincias de Lugo e Ourense carecían de plans de emerxencia”.

En concreto, incumprían a normativa as presas de As Portas, Mao-Leboreiro, Edrada-Mao, Casaio, Sequeiros, San Pedro, azud de Vil, Cameixa-Viñao e o azud de Cabanelas. Ademais, estas tres últimas tampouco cumprían o requisito de teren as normas de explotación visadas e informadas positivamente por parte da Comisaría de Augas da Confederación Hidrográfica do Norte.

Información sobre investimentos en seguridade e sancións impostas

Neste sentido, o senador do BNG pregúntalla ao Goberno se a Confederación Hidrográfica do Norte (CHN) obrigou ás empresas infractoras a solucionar estas irregularidades, e cantas sancións impuxo polo incumprimento das normas de seguridade na conca Miño-Sil. Asemade, demándalle se “é consciente do serio perigo que supón esta situación para a poboación que vive nas marxes dos ríos”.

Ademais, Pérez Bouza solicítalle ao Goberno que informe sobre as partidas que investiu en Galiza dos 544 millóns de euros que o Ministerio de Medio Ambiente anunciou na pasada lexislatura que investiría até o 2010 para garantir o mantemento e a adecuación dos encoros á normativa de seguridade. Pregunta tamén se “non resulta inxustificábel que se pague con diñeiro público unhas actuacións que deberían sufragar integramente as empresas beneficiarias das concesións nunhas condicións moi vantaxosas e de monopolio”.

Control da limpeza de sedimentos nos encoros

Por outra parte, o senador do BNG presentou outra iniciativa na que lle demanda ao Goberno que a CHN que reforce as labores de inspección e endureza as sancións sobre os verquidos incontrolados de sedimentos acumulados nos encoros río abaixo.

Pérez Bouza advirte de que a apertura das comportas dos encoros para baleirar todo a lama e area acumulada “é unha práctica habitual por parte das empresas concesionarias, que provoca importantes danos medioambientais, paisaxísticos e sobre a pesca dos nosos ríos”.

Neste sentido, o senador nacionalista demándalle ao Goberno que informe das sancións impostas por este motivo e que, “dadas as reiteradas denuncias de pescadores e organizacións ecoloxistas, reforce as labores de inspección e endureza as sancións”.

SAÚDOS: Gabinete de Prensa do BNG

No hay comentarios:

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License