7/30/2008

SEGUIMENTO DOS LABORES DE DESCONTAMINACIÓN DO RÍO CATASOL




Os membros da Asociación de Troiteiros “Río Furelos” estamos seguindo con moito interese os labores de descontaminación que se están a levar a cabo no río Catasol de Melide, despois de que un camión cisterna envorcase nel este luns, 28 de xullo e baleirase nas súas augas os sete mil litros de alcatrán que transportaba. Nos catro quilómetros que resultaron afectados o mesmo día do accidente recollemos 70 troitas mortas, un día despois recollemos outras corenta, todas da medida e algunha cría deste ano, indicio claro de que o río comezaba a recuperarse do desastre ocorrido o ano pasado como consecuencia do vertido do zurro dunha explotación agrícola. Sabemos que a mortaldade foi maior, porque moitas troitas quedaron atrapadas nas oucas cubertas de chapapote e nos pozos tecidos de raíces e vexetación acuática.
Traballadores do Concello de Melide e da empresa responsable do vertido, Manfor S.L., comezaron canto antes cos labores de retirada do alcatrán depositado no leito do río, na vexetación e nas beiras. Ao tratarse dun material tan pegañento, estes labores consisten en deixar a canle do río completamente limpa, mesmo sen oucas, pedras ou calquera outro tipo de material onde se tivese adherido o alcatrán. Consideramos que vai ser imposible retiralo dos pozos fondos ou das beiras onde as raíces das árbores forman un tecido de acceso impracticable.
As barreiras de herba seca parece que cumpriron bastante ben o cometido de evitar que a mancha se estendese, dado que no último tramo, xa cerca da desembocadura no Furelos, só se aprecian pequenas “galletas” illadas de alcatrán solidificado, sobre todo nos remansos. Non obstante, as análises da auga darán conta do verdadeiro estado da auga, porque, incluso nesta zona onde aparentemente case non chegou o vertido, o cheiro a chapapote é impresionante.
Agora o urxente é limpar a desfeita. Porén, os responsables políticos teñen a obriga de investigar o sucedido e actuar en consecuencia, no caso de tratarse dunha neglixencia, como todo parece indicar.

Melide 29 de xullo de 2008

No hay comentarios:

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License