4/04/2007

MELIDE CELEBRA O II CAMPIONATO DE PESCA “TERRA DE MELIDE”

A Asociación de troiteiros “Río Furelos” de Melide organiza, por segundo ano consecutivo, un campionato de pesca no río melidense que lles dá nome. O evento terá lugar o sábado, 14 de abril, e cada un dos participantes terá asignado un tramo do río duns 600 metros. Os trofeos para esta nova edición e o material de pesca (canas, carretes, chuvasqueiros, chalecos, ...) supón 1.300 euros. No I Campionato participaran 40 troiteiros e agardan un novo éxito nesta segunda edición. A data límite para a inscrición no campionato é o 7 de abril.

Os participantes repartiranse trofeos e
diverso material de pesca valorados en 1.300 euros

A Asociación de troiteiros “Río Furelos” de Melide naceu hai dous anos e xa conta con 210 socios que valoran moi positivamente a preocupación medioambiental e a constante actividade da súa directiva que quedou patente nas II Xornadas de limpeza do río Furelos celebradas o pasado verán.

Para o presidente da asociación, Xabier Pazo Blanco, “o II Concurso de Pesca “Terra de Melide” pretende ser unha xornada de lecer e de disfrute do noso río máis importante no que a asociación vén facendo un gran labor de limpeza e coidado dende hai dous anos”. A xornada rematará cun xantar nun coñecido restaurante da vila.

CONVENIO DE COLABORACIÓN COA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

Cómpre salientar tamén que a asociación de troiteiros “Río Furelos” é entidade colaboradora dende hai meses e así, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta, acaba de asinar un convenio de colaboración coa asociación melidense para que esta leve a cabo actividades ou investimentos a favor da riqueza piscícola do río Furelos. Froito deste convenio, a Consellería de Medio Ambiente comprométese a entregar gratuitamente á asociación o 33% dos permisos de pesca no couto do río Furelos para cada un dos días da tempada de pesca en curso. Tamén se lle entrega á entidade colaboradora a totalidade dos permisos de pesca do couto para tres xornadas, así como subvencións e axudas para que os troiteiros melidenses poidan sinalizar o couto con novos sinais e mantelo limpo, así como coidar os accesos, as sendas e os postos de pesca do couto.

Saúdos da Asociación de Troiteiros “Río Furelos” de Melide.

Se desexan máis información poden falar co presidente da Asociación, Xabier Pazo Blanco, no 696 607 348 ou no 981-505292

asociaciontroiteiros@gmail.com

www.riofurelos.com

No hay comentarios:

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License