7/27/2011

Xornadas de lecer e aprendizaxe a cargo de membros da Asociación de Troiteiros “Río Furelos”

Troiteiros “Río Furelos”

Tal como se anunciou no seu día, a Asociación de Troiteiros “Río Furelos” participou no desenvolvemento de actividades dentro do proxecto “Aventuras nas terras dos Ulloa” dirixidas a mozos e mozas de entre 15 e 17 anos de todo Galicia. Estas acampadas están patrocinadas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a cargo de  Aventurocio de Galicia SL.
 Nesta acampada que vai do 17 ao 28 deste mes a nosa colaboración circunscribiuse a unha serie de actividades encamiñadas a mostrarlles aos asistentes as posibilidades de gozar da natureza, do medio fluvial, ao tempo que os procuramos concienciar  no respecto e coidado do Medio Ambiente.
As actividades da Asociación con esta quenda de rapaces leváronse a cabo os días 19 e 21. Consistiron no seguinte:
- Proxeccións comentadas de xornadas de limpeza do río levadas a cabo por voluntarios e membros da Asociación en anos anteriores. É de salientar a estrañeza e asombro que moitos dos rapaces e rapazas mostraron ao comprobar a cantidade de lixo que vai parar ao leito do río e non precisamente de maneira involuntaria.
- Microcurso de montaxe de mosca e culleriña.
Tamén temos que destacar a habelencia dalgúns que conseguiron facelas con certo xeito. Ao mesmo tempo, tamén se lles explicou como facer un lance, cales son os lugares idóneos onde lanzar, as medidas que deben ter as capturas, a obriga de devolver ao río todalas pezas e as precaucións que hai que tomar para evitar accidentes indesexados.
- Mostrouselles tamén o alimento natural das troitas, a vida subacuática dos invertebrados, ninfas, efímeras, miñocas, saltóns e grilos.
- Pequeno roteiro de sendeirismo ao pe do río dende o campamento ata Petos.
Non nos queda máis que destacar o interese e a actitude participativa de cantos asistiron, agardando que este éxito se repita coa nova remesa de acampados que chegan o día 2 de agosto. Nós estaremos á súa completa disposición o día 9 e o 12 para levar a cabo estas experiencias que para nós resultan tan gratificantes.
Agradecemos aos responsables de Aventurocio que nos ofrezan esta oportunidade de introducir a xente nova nunha realidade, a vivencia directa da natureza, dos nosos ríos, da nosa paisaxe, que lles resulta descoñecida, quizais en algúns casos mesmo exótica,  polo modelo de vida no que están mergullados.
Melide 22 de xullo de 2011




No hay comentarios:

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License