Durante o mes de xullo e a primeira quincena de agosto, máis de 150 rapazas e rapaces de todo Galicia participarán nunha serie de actividades programadas dentro do Proxecto “Aventuras nas terras dos Ulloa” dentro da campaña de campamentos da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a cargo de Aventurocio de Galicia SL.
Os participantes destes campamentos distribuiranse en tres quendas, tal como segue:
1ª quenda 1-12 Xullo: 60 rapaces/as de 13 a 15 anos
2ª quenda 17-28 Xullo: 60 rapaces/as de 15 a 17 anos
3ª quenda 2-13 Agosto: 60 rapaces/as de 12 a 14 anos
Os organizadores deste Proxecto puxéronse en contacto coa Asociación de Troiteiros “Río Furelos” para solicitar a colaboración na organización de determinadas actividades. Transcribimos literalmente parte da súa petición:
“...estariamos interesados en contar coa vosa colaboración especialmente nas xornadas de pesca, mais estamos abertos a calquera proposta, iniciativa ou idea que poidades ter.
“Xornadas no Río Furelos:
· Xornada formativa, de iniciación, de ensinarlle aos rapaces/as os elementos básicos da pesca e como montar os aparellos.
· Xornada de pesca.
Obxectivos: promover a pesca fluvial como elemento de ocio, compatible coa conservación e o respecto ao medio.
Contidos: Pesca sostible, boas prácticas no aproveitamento dos recursos, ecoloxía fluvial, a vida do río…
· Xornada de limpeza e conservación do Río Furelos (replantexaríase a actividade ao estar o río limpo.)
Emprégase esta actividade para que os nenos/as sexan conscientes do grave impacto e degradación que provoca o lixo abandonado indebidamente.
Obxectivos: promover a recuperación do Río e sensibilizar respecto á protección do medio. Emprender unha acción voluntaria en colaboración con axentes locais. Concienciar sobre o impacto humano no entorno natural.”
O presidente da Asociación “Río Furelos” xa se puxo en contacto co responsable do Proxecto para transmitirlle que aceptamos de maneira desinteresada tal petición, de maneira que en cada quenda da acampada, programaremos actividades para dous días: dedicaremos un día (será os xoves) a amosarlles ás rapazas e aos rapaces a manexar e montar diferentes artes de pesca, e outro día dedicado ao sendeirismo á beira do río, ao tempo que mostramos aspectos relacionados co medio fluvial e a súa conservación.
Inmediatamente nos poñeremos en contacto cos responsables da Consellería de Medio Ambiente para solicitar a pertinente autorización.
Desexando que esta colaboración sexa de proveito, agardamos que os organizadores e participantes do Proxecto “Aventuras nas terras dos Ulloa” fiquen satisfeitos das nosas achegas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario