3/15/2011

VI Campionato de Pesca “TERRA DE MELIDE”, 2011


A Asociación de Troiteiros “Río Furelos” organiza o
VI Campionato de Pesca “TERRA DE MELIDE”
O vindeiro 9 de abril terá lugar o VI Campionato de pesca, “Río Furelos”. A directiva da Asociación quere facer público este comunicado para coñecemento de todos aqueles que desexen participar,e dado que a data xa está próxima, imos concretar certos aspectos que poden ser de interese para os que quixeren participar.
O número de prazas é limitado, por iso cómpre inscribirse. A data límite para facelo é o próximo 6 de abril, a través da páxina web da asociación: http://www.riofurelos.es/ , ou por medio dun correo a asociaciontroiteiros@gmail.com  e tamén por teléfono, chamando ao nº 696607348.
Os participantes teñen que se comprometer a vir acompañados de xuíz e utilizar exclusivamente cebo artificial. Cada un dos pescadores terá un tramo de río devidamente señalizado de 600 metros. Se quixeren asistir ao sorteo dos inscritos, saiban que este terá lugar o xoves, 7 de abril, ás 13:30h. na “Cervexería Orois” de Melide.
A organización empraza aos participantes que saísen agraciados no sorteo a concentrárense o sábado día 9, ás 7,30 na “Churrería O Burato” de Melide, para dirixírense ao río e comezar ás 8,30 a competición, cada un no tramo de río que lle correspondese. Ás 13 horas darase por finalizado o campionato para que o xurado tome nota das capturas ao tempo que rexistra a medida dos exemplares.
No xantar, que se celebrará no Hotel Carlos’96 ás 14,30 (a un prezo de 15€ por persoa), autoridades do Concello e representantes da Asociación farán entrega de premios aos gañadores e agasallos ao resto dos participantes.
Antes de rematar, queremos pór de manifesto e agradecer o crecente número de empresas (este ano xa superan as 25) que nos apoian, tal como se pode ver nos carteis que anuncian esta VI edición. Precisamente a elas debemos o feito de non termos que reducir os gastos malia a crise que nos asolaga. Haberá, coma en anos anteriores, máis de 2,500€ en premios e material de pesca para distribuírmos entre os gañadores e os participantes. É obrigado, así mesmo, facer mención á colaboración que nos prestan entidades como o Concello, a Deputación e a Xunta.
Só nos queda agardar que o bo tempo nos acompañe e que o río sexa xeneroso cos pescadores, que xa sabemos que habelencia nos lles ha faltar.

Melide 11 de marzo de 2011

O Presidente da Asociación


                                                
                                                           Xavier Pazo Blanco

No hay comentarios:

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License