5/25/2009

LAMPREAS NO FURELOS


O pasado martes día 19 Iván Lugrís, escollera o tramo do río Furelos que pasa por Chorén para probar sorte e non se estaba dando mal a mañá cando, para o seu asombro, unha das capturas traía a marca inequívoca, tal como se pode apreciar na fotografía, de estar sendo parasitada por una lamprea. Iván comunicou o achado á Directiva da Asociación de Troiteiros “Río Furelos” da que é socio, por se for relevante para o estudo que se ven facendo destas colonias de lampreas dende que, o ano pasado na cabeceira do embalse de Portodemouros, apareceran varios indicios e mesmo exemplares de lampreas.
De todos é coñecido que as lampreas no seu ciclo vital teñen necesidade de migrar ao mar. Porén, a barreira infranqueable do embalse de Portodemouros construído hai corenta anos imposibilita tal migración. Por iso, o profesor da USC, Fernando Cobo, despois do estudo realizado o verán pasado en cooperación coa Asociación de Troiteiros “Río Furelos” concluíu que a presenza destas colonias de lampreas carece de explicación natural. Alguén tivo que soltalas, voluntaria ou involuntariamente.
O presidente da Asociación de Troiteiros, Xavier Pazo, xa comunicou este novo achado ao profesor Fernando Cobo, por canto introduce novas variables que poden ter interese para continuar o estudo: a persistencia no tempo e o feito de apareceren augas máis arriba, no río Furelos. Tal como se fixo o ano pasado, a Asociación de Troiteiros alerta a todos os seus socios para que dean conta de todos estes casos e dende as páxinas deste xornal facémolo extensible a todos os afeccionados que pesquen máis arriba das augas do embalse de Portodemouros. Así poderemos chegar a conclusións fiables sobre a extensión destas colonias de lampreas.

Melide, 21 de maio de 2009

Asdo. Xavier Pazo Blanco
Presidente Asoc. Troiteiros Río Furelos

No hay comentarios:

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License