Páginas

2/18/2011

PÉREZ BOUZA PRESENTA UNHA MOCIÓN PARA QUE SE SUSPENDAN DEFINITIVAMENTE AS CONCESIÓNS HIDROELÉCTRICAS NO MIÑO-SIL “POLA SITUACIÓN LÍMITE XENERADA POLA SOBREEXPLOTACIÓN EXCESIVA”

  

O senador do BNG tamén insta ao Executivo a comezar a abrir un diálogo coa Xunta para comezar o proceso de transferencia das competencias da Confederación Hidrográfica

Madrid, 17 Febreiro 2011. O senador do BNG presentou unha moción no Senado na que insta ao Goberno a suspender definitivamente a concesión de novos aproveitamentos hidroeléctricos nos ríos Miño e Sil dada “a situación límite que padecen debido á súa sobreexplotación”.
Ademáis, o senador nacionalista quer que o Executivo abra un diálogo coa Xunta de Galiza para iniciar o proceso de transferencia das competencias da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil “co obxectivo de mellorar a coordenación da política de augas dos grandes ríos galegos”.
Nos puntos resolutivos da moción, Pérez Bouza plantexa que só se permitan as repotenciacións dos actuais aproveitamentos hidroeléctricos “sempre e cando se fagan sen levar a cabo movementos de terras, manteñan o mesmo vaso e non se altere o caudal ecolóxico dos ríos”. Por último, o senador do BNG pede que a cuestión de non otorgar máis aproveitamentos hidroeléctricos se plasme nunha norma de carácter lexislativo ou se inclúan no Plan Hidrolóxico.
O compromiso da Ministra co BNG debe ser máis ambicioso
Lembra Pérez Bouza que na sesión plenaria do 18 de xaneiro pasado, a Ministra de Medio Ambiente, Rosa Aguilar, comprometíase co BNG a “suspender a concesión de novos aproveitamentos nas concas do Miño e Sil até a aprobación definitiva do Plan Hidrolóxico”. Así, cumpría coa moción do BNG aprobada en setembro de 2010.
Ademáis, enfatiza o senador nacionalista, na súa resposta ao BNG, Rosa Aguilar recoñecía que o número de aproveitamentos no Miño-Sil “era estraordinariamente elevado”. Pois ben, sinala, “a liña verde que a Ministra asegurou querer imprimir ao Ministerio debe reflexarse en cuestións deste tipo porque estamos a falar dunhas concas que soportan 106 aproveitamentos hidroeléctricos, con 37 grandes encoros e 70 pequenas presas. Os números falan por se mesmos”.
Ao BNG preocúpalle a situación de desproteción do Miño e do Sil posto que hai aínda máis solicitudes de aproveitamentos e “no caso de que se admitan porán aos ríos nunha situación límite”. O senador nacionalista avalia positivamente o compromiso da Ministra de suspender cautelarmente a concesión de máis permisos mentras non se aprobe o Plan Hidrolóxico da demarcación Miño-Sil, pero “consideramos que ante a situación de sobreexplotación recoñecida, a Ministra debe ser máis ambiciosa na proteción dos cauces e debe pór fin definitivamente a novas concesións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario