A hidroeléctrica Lumymey S.L., anteriormente denominada Fuciños Rivas, parece burlarse da normativa medioambiental ou ten bula para ignorala sistematicamente.
En agosto do pasado ano a Asociación de Troiteiros “Río Furelos” xa puxera en coñecemento de Augas de Galicia e da Consellaría do Medio Rural e Concello de Melide a grave situación de seca na que se atopaba un tramo vedado do río Furelos, moi por debaixo do caudal ecolóxico marcado pola normativa vixente, debido á captación de auga que esta empresa realiza para a súa explotación hidroeléctrica. Xa se denunciaba naquela ocasión que o máis grave era que, dende hai tempo, nin sequera estaban en funcionamento as turbinas para as que se captaba a auga dese tramo.
Hoxe reiteramos a nosa denuncia pública e farémolo perante os organismos oportunos, porque a situación do tramo do río que vai do Folicheiro ata a ponte de Portochao (aproximadamente un quilómetro) está practicamente seco, tal como se pode observar nas fotos que se acompañan. Como puidemos verificar “in situ”, o escaso caudal que leva o río provén das filtracións que se producen a través das trece fugas que a simple vista se observan na canle da empresa. O colmo da desidia e do desprezo polo medio ambiente, é que a auga da que se priva o río nin sequera se usa na centraliña. As turbinas seguen sen funcionar, como dende hai tempo. Non vaian pensar vostedes que o problema ten difícil solución. Só se trata de que a empresa teña a ben regular as comportas que son da súa propiedade, de maneira que a auga que discorre inutilmente pola canle siga o curso normal do río.
Mais este ano o problema vai camiño de agravarse, porque un novo tramo na zona do Rechinol, duns cincocentos metros, vén sumarse ao anterior, tamén como consecuencia da captación de augas por parte da mesma empresa.
A normativa da lei de pesca é moi clara nos seus artigos 73, 74, 75 e 76, referentes ao caudal mínimo ecolóxico e á normativa de pasos e escalas. Cónstanos que a empresa sabe que os está a incumprir. Esta Asociación, como Entidade Colaboradora da Consellaría de Medio Ambiente, quere manifestar o seu compromiso de facer todo o que estea na súa man para que por parte da Administración se leven a cabo todas as accións necesarias para deter esta agresión sistemática ao hábitat natural por parte da citada empresa.
O Presidente da Asociación
Xavier Pazo Blanco
A veces echo de menos no ser un moino sin un euro para pegarle un petardo a esas presas. Que verguenza¡
ResponderEliminar