Páginas

4/11/2011

Celebración do VI Campionato de pesca “Terra de Melide”

Organizado pola Asociación de Troiteiros “Río Furelos”



Tal como estaba previsto, este sábado, 9 de abril, tivo lugar nas augas do río Furelos (Melide-Toques) a VI edición do Campionato de Pesca organizado pola Asociación de Troiteiros “Río Furelos”. Pescadores de distintas partes de Galicia de Santiago, Pontevedra, Vigo, Lugo...devecían por participaren, de tal maneira que había 113 inscritos  para entrar no sorteo público, celebrado o día  7 conforme ás bases da convocatoria.
A xornada comezou ás 7,30 da mañá na Churrería O Burato, onde se reuniron os 15 participantes que a deusa Fortuna escolleu de entre todos os inscritos. Alí, despois do preceptivo chocolate con churros, procedeuse ao sorteo dos tramos de río (600 metros) que ocuparía cada troiteiro, todos con cadanseu xuíz. Recibidas as derradeiras instrucións por parte da organización, a comitiva encamiñouse ao Furelos coa arela de que o río fose farturento nun día tan sinalado. Había unha incógnita que a máis de un lle rebulía nos miolos: “Estes días de calor sahariá, de calimes pesadas, como afectarían ao comportamento das troitas?” . En principio, unha mañá menos calorosa e un ventiño do sur parecían querer avisar dun cambio de tempo máis acaído coa estación... 
Ás 8,30 deu comezo a competición e rematou coa concentración dos participantes ás 13 horas na praia fluvial. Mentres a organización os agasallaba cuns pinchos, levouse a cabo o reconto:
 En total pescáronse 67 troitas da medida.


O resultado da competición foi o seguinte:
O campión por número de capturas foi: Jesus Rouco Varela de Toques (O Cardenal), que foi quen de meter no cesto 9 troitas.   

Olugar ocupouno,Jesus Pampin Negro de Melide , con 7 capturas,
O 3º posto foi para Inocencio Lamas Aller de Curtis que pescou 5 troitas.
O premio pola mellor captura foi para Antonio Sanchez Carril de Arzua que presentou unha troita que chegou a medir 30 cm.
Na mesma praia fluvial tributóuselles un recoñecemento simbólico aos gañadores, porque a entrega de premios ficou reservada para o xantar que se celebrou  ás 14,30 no Hotel Carlos -96 de Melide. Ademais de participantes, xuíces e membros da Asociación asistiron autoridades do Concello a Alcaldesa Socorro Cea Vazquez e o Concellal de Deportes Antonio Varela que, xunto co Presidente da Asociación, foron os encargados da entrega de premios aos gañadores e de agasallos a todos os participantes.
 A directiva da  Asociación de Troiteiros “Río Furelos”, que en todo momento levou a cabo labores de tipo loxístico, fica moi satisfeita polo impecable desenvolvemento do campionato, o extraordinario comportamento dos participantes e a profesionalidade dos xuíces que colaboraron desinteresadamente nesta competición deportiva. Asemade, en nome da Asociación, o seu presidente, Xavier Pazo Blanco, quere rematar este comunicado felicitando publicamente aos gañadores e, en xeral, a todos os participantes, agradecendo, máis unha vez, o esforzo de institucións, empresas e particulares que colaboraron na organización deste evento.

 



 

 









 


 

O Presidente da Asociación de Troiteiros “Río Furelos”


Xavier Pazo Blanco                                                                               Melide 10 de abril de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario