Páginas

11/12/2010

REFLEXIÓNS SOBRE A SENTENZA ABSOLUTORIA POLOS VERTIDOS DE PURÍN NO RÍO CATASOL

Talvez moitos dos nosos asociados e da opinión pública xa esqueceron o tema. Fagamos un recordatorio secuencial do acontecido:
1.-O día 11de setembro de 2007 a Asociación de Troiteiros “Río Furelos” denuncia o vertido de zurro ao río Catasol, e descóbrese que se trata dunha tubaxe que por medio dunha bomba aliviaba unha balsa de zurro da explotación porcina “Porcícula Transmundi S.L.” que acababa de verter directamente ao río. No seu día espallamos fotos que non deixaban lugar a dúbidas.
2.- Como consecuencia do vertido, membros da Asociación de Troiteiros leva a cabo os días seguintes as tarefas de extracción de 2.643 troitas mortas, supervisando este labor a gardería.
·         ¿Onde van as 1.400 troitas que faltan da denuncia ?
3.- Técnicos de Medio Ambiente analizan a auga do río e comproban que na zona do vertido a concentración de oxixeno é moi inferior a 6mg/litro, mínimo para garantir a vida animal.
4.- O vinte de outubro de 2009 celébrase a vista oral, na que todos estes feitos se dan por probados e ningún dos dous acusados foi quen de rebatelos. Pero para asombro de todos, resultaron absoltos.

SEMPRE HAI UNHA PORTA FALSA.

Segundo a xurisprudencia do Tribunal Supremo, no caso da existencia dun informe pericial, este ten que ser explicado e defendido polos técnicos que o levaron a cabo. Pois ben, na vista oral celebrada en outubro de 2009, ningún dos dous expertos que elaboraron o informe se presentou  no xuízo. Tratábase de D. Juan José Fernández Rilo, Xefe de Sección de Calidade e Da. María Jesús Lorenzo Lorenzo, Técnico Superior Especialista (ambos da Consellaría de Medio Ambiente).  De nada valeu o recurso presentado posteriormente porque no xuízo celebrado en maio de 2010 o xuíz declara que a absolución é axustada a dereito e estaba ben argumentada, dado que os informes oficiais presentados non foran defendidos no primeiro xuízo polos técnicos que o asinaron. 
En definitiva, un defecto de forma no xuízo, deixou impune un flagrante delicto que neste caso tiña nomes e apelidos. E agora as preguntas xorden coma un chafariz: Por que ningún dos dous especialistas se presentou no xuízo? Tratándose de informes necesarios para que o xuíz tomase unha decisión fundamentada, por que non se suspendeu a vista ata contar coa presenza dos devanditos técnicos? Sendo traballadores ou funcionarios públicos, poden eludir impunemente as súas obrigas? Todo isto foi amañado por detrás? Deixémolo en preguntas retóricas, porque respondelas sería un insulto á intelixencia dos nosos lectores e socios. Despois de que cada quen formule as súas respostas, nós só engadimos

...ASÍ NOS VAI.!




Asdo. Xavier Pazo Blanco
Presidente Asoc. Troiteiros Río Furelos                                               

No hay comentarios:

Publicar un comentario