Tal como estaba programado e como vén sendo habitual de maneira ininterrompida desde hai seis anos, a Asociación de Troiteiros río Furelos comezou este sábado a limpeza do río Furelos no contexto das VI Xornadas de limpeza do río Furelos.
Co mesmo interese de edicións anteriores e con renovados esforzos dedicáronse este sábado, 28 de agosto, á limpeza do tramo acoutado do Furelos, uns 11,5 quilómetros e subindo dous quilómetros máis polo seu afluente o río Vilamor.
En total participaron máis de 30 voluntarios, divididos en grupos de 4 e 5 persoas, dúas delas de Madrid, aproveitando que estaban a pasar uns días na vila.
Feito o reconto do lixo sacado, este aproxímase aos catrocentos quilos que se xuntaron en 13 sacos. E coma sempre, extraéronse os materiais máis variados: un somier, todo tipo de ferros e arames, un tambor dunha lavadora, que deu moito traballo polo enterrado que estaba, e moita, moita roupa. Cousa que sorprendeu aos voluntarios que participaron nesta xornada. A presenza no río de dúas colchonetas, das usadas nos albergues ou polideportivos tamén lles deu moito que facer aos voluntarios polo peso que acumulan ao encharcárense de auga. Mención especial merécea o chupón de máis de seis metros de longo que foi retirado do leito do río. Estes trebellos adoitan seren usados para encheren as cisternas de zurro e, polo que se ve, algún irresponsable foino lavar ao río ou mesmo o usaba para sacar auga del.
O vindeiro sábado, 4 de setembro, está prevista a segunda quenda de traballos para a que xa está confirmada a asistencia de cooperantes da zona de Lugo e de Redondela.
A Asociación non quere deixar pasar esta oportunidade para agradecer o traballo levado a cabo polos voluntarios e ademais a cooperación daquelas persoas, empresas e institucións que colaboran neste labor de manter limpo e poñer en valor un dos recursos naturais que pola súa fraxilidade, máis debemos coidar. É unha maneira de asegurarmos que as xeracións vindeiras poidan gozar dos nosos ríos como o fixemos até agora.
Asdo. Xavier Pazo Blanco
Presidente Asoc. Troiteiros “Río Furelos” Melide 31 de agosto 2010
No hay comentarios:
Publicar un comentario