8/11/2009

A Asociación de Troiteiros “Río Furelos” reivindica a construción da PONTE MAZAIRA e anuncia a celebración das V XORNADAS DE LIMPEZA.

A Asociación de Troiteiros “Río Furelos” de Melide celebrou este domingo, día 9, un acto reivindicativo para protestar polos incumprimentos nos que está a incorrer a Administración Autonómica no tocante á construción da Ponte Mazaira. Percorrendo varias rúas de Melide nun “barco” rechamante, os compoñentes da sorprendente caravana fixeron unha prolongada parada no Cantón de San Roque para informar aos medios e aos numerosos curiosos que alí se achegaron sobre a situación de “impase” no que se atopa a construción da citada ponte pola que tanto levan loitado. A continuación continuaron o traxecto pola estrada no mesmo barco ata deixalo ao pé do río Furelos onde xa debería lucir a nova ponte. As desculpas recibidas a través das autoridades locais non lles parecen xustificación suficiente para que un proxecto, no seu día foi cualificado de vital importancia para o ordenamento territorial, fique agora esquecido. Por iso, ademais deste acto reivindicativo, o presidente da Asociación vén de presentar a pasada semana no rexistro da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas da Coruña unha petición de entrevista co Xefe Territorial da citada Consellería para recabar información sobre as causas que están detrás deste inxustificado retraso. Queremos lembrar que esta obra foi anunciada publicamente vai facer agora dous anos, mesmo se fixo público o orzamento destinado a tal infraestrutura e, a día de hoxe, nin sequera está o panel que durante uns meses anunciaba a súa construción.

Noutro orde de cousas, a Asociación de Troiteiros “Río Furelos” quere facer pública a próxima celebración das V Xornadas de Limpeza do couto do río Furelos. Terán lugar, como vén sendo habitual, o derradeiro sábado de agosto, día 29, e os dous primeiros sábados de setembro, días 5 e 12. Como en anos anteriores, estas Xornadas están subvencionadas pola Deputación da Coruña. A Asociación “Rio Furelos” tamén conta coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, do Concello de Melide, ademais do apoio desinteresado de cerca de medio cento de empresas da bisbarra.
Os labores de limpeza este ano vanse circunscribir a un traxecto duns 16 quilómetros que é o que abrangue o couto do río Furelos. Para os compoñentes da Asociación e todos os amantes da natureza é unha satisfacción comprobar que os esforzos constantes e reiterados destes últimos anos están a dar os seus froitos: o río discorre cada vez máis limpo. Tendo en conta isto, ademais da retirada do lixo, aproveitaranse estas xornadas para proceder á eliminación das árbores caídas e outros restos de vexetación do río e das súas beiras, agasallos indesexados que nos deixou este inverno o ciclón Klaus.
A Directiva da Asociación quere manifestar que esta actividade está aberta a todos os que queiran participar e poderán disfrutar dun gratuito e amigable xantar na praia fluvial do Furelos, ou nun lugar alternativo en caso de que a climatoloxía sexa adversa.

O presidente da Asociación, “Río Furelos” Xavier Pazo Blanco.







No hay comentarios:

 
Creative Commons License
This blog is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License