Páginas

11/24/2008

PRESENTACIÓN DE “LAMPREAS E PESQUEIRAS”

O libro “Lampreas e Pesqueiras” de Miguel Piñeiro foi presentado no Salón Camilo José Cela do Chef Rivera en Padrón.

Como preámbulo introductorio, proxectouse un vídeo adicado ás pesqueiras, ás artes de pesca e á cultura lampreeira.


Xa no turno de intervencións, tomou a palabra o Director de Galaxia, Víctor Freixanes quen subliñou a experiencia xornalística e investigadora do autor neste campo.
Posteriormente o restaurador Chef Rivera fixo un canto ás excelencias gastronómicas deste singular peixe.
Na súa quenda, o escritor e xornalista madrileño Joaquín España centrouse na especial amizade que mantén desde hai máis de vinte anos con Piñeiro e deu un repaso polas súas vivencias nesta terra á que está tan vencellado.
O catedrático e compañeiro de pesca do autor, Juan José Moralejo, destacou a excelencia técnica e informativa do texto e a beleza e cualidade do material gráfico e fotográfico, ademáis de incidir na falla de saúde que teñen os ríos galegos.
O prestigioso arquitecto César Portela, amigo persoal da familia Piñeiro, destacou o abandono no que están sumidas estas construcións hidráulicas e reparou na fonda amizade que mantivo co pai do autor.

Miguel Piñeiro, como continuación de Portela, fixo un encendido alegato en defensa das Pesqueiras do Ulla para concluir entregando uns sorprendentes agasallos en proba de agradecemento: a César Portela un debuxo do seu pai Agustín do ano 1950, a Chef Rivera unha tarxeta manuscrita do Nobel padronés Camilo José Cela do ano 1983 e a Víctor Freixanes como Presidente da Fundación Otero Pedrayo, unha carta do Patriarca das Letras Galegas do ano 1964. A Moralejo e a España, apalabroulle un salmón en Ximonde para 2009.
Ao acto asistiron un centenar de persoas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario